Manual de cousas perdidas
Non sei que camiño percorre un refrán dende o momento en que é pensado a primeira vez ata que pasa a formar parte do ideario común dunha sociedade. En calquera caso, eu que sen querer inclúo unha chea de refráns na fala, empezo a pensar que non son máis ca, en xeral, verdades coma puños. Un no que levo reparado varias veces e que constanto cada día é ese que di que ninguén é profeta na súa terra.
No caso dos galegos, penso que o refrán ten máis sentido ca nunca. Temos ese extraño costume de pensar que todo o que temos arredor de nós é ruín, e que o que vén de fóra é novo, moderno, innovador, ... a mesma palabra "estranxeiro" ou "de importación", asociado a un novo produto lévanos incoscientemente á idea dalgo de calidade, mellor sempre ca o que temos.
Hoxe leo en Vieiros que mentres procedían á desfeita do Amazonas toparon cun pobo indíxena que -vaia!- aínda non estaba clasificado no baremo dos bos e dos malos. Á marxe da mala sorte dos paisanos que tranquilamente habitaban ata o día de hoxe nese triste punto do planeta, acordeime do proceso de conservación e recuperación que posiblemente lles agarde.
O mundo bo e desenvolvido acostuma encherse a boca loitando polas cousas que tenden a desaparecer. Manter o enxebrismo, conservar as tribus indíxenas na súa esencia, investir millóns de euros/dólares na procura de pegadas de antigas civilizacións... mentres a carón da casa outra cultura está esvaecendo sen que ninguén baixe os prismáticos do horizonte marabilloso que queremos meter nun museo, e vexa o que hai derredor.
Non sei quen me vai ensinar a facer as cordas o día que morra miña avoa, porque ela é a única na casa, na aldea, que sabe facelas. Non sei que libro me vai dicir que "se queres ter bo allal planta no nadal". Non sei quen será o home que na véspera da feira vaia ao cortello dos becerros e tase a ollo canto debe pedir por el, cando non estea meu pai. Non sei quen vai endereitar as varas no forno cando non estea el. Non sei onde está escrita a proporción de pemento, allo, auga e sal que lles hai que botar aos chourizos, e que miña nai nunca debeu apuntar. Non sei que proxecto de recuperación cultural me vai dicir en que tempo podar a parra, como enxertar as maceiras, ou os días que tarda a porca en andar ao porco.
Non vin en ningún sitio un manual de cultura galega que evite que o que somos hoxe desapareza coa xeración de persoas que agora están en mediana idade.
Propoño que cando as administracións veñan, dentro de cen anos, a escarabellar na parte da historia na que agora vivimos, e que axiña será iso, historia, ninguén diga nada. Queimemos as naves, abramos o silencio, e que a brétema que agora lles impide ver a realidade lles impida tamén mercantilizala e folclorizala cando xa non esteamos sobre a terra os que aínda gozamos comendo un chourizo asado nunha berza.
9 comentarios:
e de todo iso que comentas , quen ten a culpa??? TODOS NOS , todo mundo busca a súa felicidade sen pensar a costa de qué ou de quen, e realmente a cultura da que falas , gracias a Deus , inda a tes na casa , pero non lle facemos caso . Ou canta xente pensa en , como di o anuncio da ¿xunta?, se che gosta a vida do rural , ¿ porque non ficas a traballar nel? , quen se plantexa realmente seguir mantendo as costumes da aldea , a vivir como a xente da aldea... a acadar as inquietudes que eles teñen , "que a xeada non queime os tomates" ,.... Moi poucos , so ollar a xente que queda nas parroquias , , eu fágome unha pergunta , ¿ que ten o rural , a aldea , que tan pouco gosta?ADMIRAMOS A NOSA CULTURA E GOSTANOS , pero non mantela como se deberia de manter para que esta non se esmorecese.....
Ola
Vaia question, mais complicada abordas hoxe...
A moitos de nós gústanos o rural e o enxebre, pero mantelo dá moito traballo!
Eu desde logo non teño salúd para plantar, para coidar os animais....
Cando vimos vivir nos arredores de Vigo, añun vivian os avós do meu marido, e claro había as galiñas, o porco, plantábase patacas,etc
Hoxe día,como ninguén se fixo cargo, o porco se matou e comeu e as galiñas,as deron!
E por suposto que non plantamos nada. Quedan os manzanos que dan proba da sidra que se facía aqui...
Besitos
eu son pesimista neste asunto. Non temos xeito de nos opoñer ou loitar coa forza da mercantilizacion de todo, de todos, de todo canto somos e fumos. E moito o sinto...
Pois eu non son de todo pesimista,a cultura da terra,os costumes do rural seguén presentes inda que en moitos casos evolucionan o que significa que seguen vivos.Será que hoxe amanecín optimista,hai un libro de Xaquín Lorenzo,"A terra" que recolle toda a nosa tradicción popular dende o prisma da terra contemplada baixo o prisma da súa relación amistosa co home....
bicos.
Grandes anacos da sabiduría popular non están nos libros, transmítense vía oral. Compre pois non perder esa vía, esa cordón umbilical que nos une o POBO, así, con maiúsculas.
Primeiriño decir que espero que todas esas persoas que te rodean duren moito tempo, o suficiente como para que o vaias recollendo todo e sexas ti mesma a que te animes a difundir esa cultura da vida e dun bo tempo.
Segundo, a todos nos encanta o rural para ir de vez en cando, pero para traballalo non, o consideramos unha vida "esclava" e o desprestixiamos a cada momento, hoxe valoramos outras cousas, peores na maioría dos casos, pero rulamos na sociedade, na globalización, na economía, nos impostos, etc, que é unha maquinaria imparable, afogámonos na nosa propia existencia.
É moi bonito o que expresas e fai pensar .... moito ...
Un saúdo.
Tócanos a nós fotografar, gravar, escribir, eprender e conservar o que vaia quedando.
Tés razón: cantas veces buscamos o exótico fóra e tantas aventuras nos quedan por vivir na casa.
Ánimo coa recollida.
Sobre o alleo e o propio, a Xeración Nós xa descubrira que a modernidade tíñana arredor de si. Sobre o rural versus urbano é unha dicotomía difícil nos tempos que corremos, hai moitos factores que nos poden decantar nun senso ou noutro. Eu aprecio e valoro as vantaxes de cada un. De momento optei polo rural, ou semiurbano. Declárome firme defensor dos valores do rural e procuro, na medida do posible, gardar e difundir o que de interese queda nas nosas aldeas desa cultura que mamamos e vivimos de nenos.
Opino que os axentes sociais,asociacións culturais e estudosos teñen feito moito a prol deste labor (cítase a Xaquín Lorenzo nun comentario, gran etnógrafo. Hai outros moitos). A ti e a min e aoutros blogueiros tamén nos corresponde facer algo. Hai moita vida nos blogs e nas web.
Adiante, Vanessa. Saúdos.
Tes razón, seguramente moitas das cousas han desparecer e outras terán que evolucionar, pero somos nos, os que vivimos agora os que temos que recoller a testemuña e transmitirllela aos nosos fillos. Cada un no seu entorno temos que tratar de manter as costumes e milloralas se fose posible.
Por certo a min os chourizos gústanme ao espeto, pero o asunto é saber elaboralos, eu estou neso, aprendín coa miña sogra, e a meu fillo maior tamén llelo ensinamos, penso que cando non estea ela, xa seremos quen de facelo nos.
Publicar un comentario en la entrada