O bicho
Os solpores nas aldeas son sempre a entrada a unha incerteza.Cae a noite e con ela péchanse os ollos dos que asexan, dos pastores que gardan o gando, dos vixiantes que viven pola facenda. E cando os vixiadores durmen é o tempo desoutros seres aos que ninguén ve, mais que van deixando o seu rastro inequívoco ao abrente do día.
A mañá espertou no galiñeiro coa morte das pitas. Din na casa que veu "o bicho" a elas. Pitas novas, mantidas de andaren "pór fóra", pitas da casa que atoparon a súa morte na boca dun bicho ao que ninguén pon nome. Uns din que será o furón, outros que a donicela, e tamén hai quen pensa que son visóns. Vén de noite, con pouco ruído, matas as pitas dunha trabada certeira no pescozo para chuparlles o sangue e logo lisca sen lles aproveitar a carne.
Aos de Roque tamén lles veu "o bicho" nestes días. Claro que eles non nos dixeron como lle dixo unha veciña a miña avoa cando as dúas eran mozas. Na nosa casa morrera a rancha da ceba dun mal collidío, e á veciña perecéralle tamén poucos días antes a súa. Cando lle preguntou a miña avoa "e que tal che vai a rancha?", e miña avoa lle dixo, apesadumada, que acababa de morrer, a veciña respondeu cun sorriso transparente e de orella a orella: "Ghracias a dios que non foi a miña sola!".
8 comentarios:
Xa se sabe que o "mal", cando se sabe compartido, semella menos doloroso. Ainda que a amoladura da morte da sua rancha non lla quitase ninguén, saber que a tua avoa tamén estaba amolada minimízalle á veciña a dor pola sua perda. Éche así
E o "bicho" ese das pitas...eu aposto pola donicela. Antes queimábanse gomas perto dos galiñeiros para espantalas (ainda que penso que espanta máis a xente co cheirento que é).
Apertas Vanessa
O mal compartido pasa a ser menos mal,non si?
bicos...
Parece obra do chupasangres pero eu apoio a proposta de Chousa.
Eche un caso pro famoso periodista da nave do misterio.....Ou vai ser que ten razón chousa...
.mais ben o segundo....
un bico
A veciña da túa avoa sabía o vello refrán: "Mal de moitos, consolo de parvos". Compartir a mesma desgraza é outro xeito de ser solidario, porque senón aínda por riba tócache apandar coa soidade.
Respecto do bicho eu non fago apostas, pero sei pola prensa doutros de dúa pernas que andan a facer desfeitas nas casas-chalés das periferias urbanas. A min asústanme máis estes últimos.
Unha aperta Vanessa e pechade ben a casa e a facenda.
Con veciñas asi e con bichos tan traizoeiros, como para durmir tranquilo!!
A principios de septembro, algunha alimaña rompeu a rede do cortello e marchou cos nosos coellos. Parecíanos imposible que non fose obra dalgunha besta de dúas patas, pero co tempo fomo enterándonos de que, coma no voso caso, "o bicho" andivo por máis casas da parroquia.
o bicho é o furón. fago apostas de 5 contra 1
o da veciña... enfin
Publicar un comentario en la entrada