miércoles 10 de diciembre de 2008

Realidade virtual

Directa ou indirectamente, os xoguetes están concibidos como réplicas de algo real co que non podemos xogar. Un coche dun neno é sempre unha miniatura dun coche real, que sería o seu obxecto de desexo. Unha pistola de xoguete é un substituto dunha pistola que non se lle pode dar a un cativo porque pode furar a cabeza.

Visto así parece obvio que cando pedimos un xoguete é porque non podemos ter o seu equivalente real, e conformámonos cunha réplica, habitualmente a menor tamaño.
Coa chegada de decembro as televisións dirixen raios catódicos afiados por centos de propostas de xoguetes, cada vez máis sofisticados, máis eléctricos e menos evocadores da infancia. Pero agora tamén están de moda os xoguetes para grandes, e aí descubrimos que xa podendo ter a realidade para xogar con ela preferimos o xoguete virtual.

Ponse de moda situarse diante dos televisores e "facer como que" xogamos ao tenis; facer que facemos cousas dende un sofá mentres ollando pola fiestra nos asexa a realidade ríndose de nós e da nosa idiotez.
Incluso dende a miña posición de xornalista, daría un ferrado de terra porque o apagón analóxico sumise á sociedade nun apagón total polo menos de quince días, e experimentar cun sorriso a volta a xogar con cousas reais, que nos apeasen da burbulla virtual que ten ao mundo apampado.

5 comentarios:

Chousa da Alcandra dijo...

Pois engádelle outro ferrado pola miña parte, que o dou tamén de boa gana!!!

(Agora todo se volver "facer que se fai" en case que todo).

Markesa Merteuil dijo...

I eu que, vista a foto, xa estaba pensando nunha VAC (vía de alta capacidade con ou sen posibilidade futura de desdobramento), cando xa de postos sería mellor ter unha autovía...

O Raposo dijo...

Os poucos a realidade virtual vaise impoñendo a real. Pode que mundo futurista de Matrix non estea tan lonxe de nós.
Conta con outro ferrado da miña parte.

Chousa da Alcandra dijo...

Jajajaja. Vanessa, Raposo: a iste paso imos facer un BanteGal paralelo!

busto.agolada dijo...

Pois efectivamente, estamo apampados coa realidade virtual. Quizais os nenos e mozos sexan os que corran máis perigo porque naceron nesta era e poden sucumbir sen coñecer a realidade física do exterior.
Eu no meu caso procuro un equilibrio entre estes dous mundos. Non xogo na virtualidade e si percorro montes e chairas deste a atalaia da bicicleta. Iso dáme unha dimensión privilexiada do meu microcosmos.
Eu subscribo a vosa oferta de ferrados de terra por baixarno á realidade durante unha quincena alomenos.
Unh aperta, Vanessa.