martes 28 de octubre de 2008

A crise en crise

Di unha máxima do xornalismo que o que non sae nos medios non existe.

Lamento disentir -coma sempre- das voces do mundo enteiro, pero empezo a fartarme de que nos falen dunha crise sobrehumana coma se ese tivese que ser o leiv motiv da nosa vida.
Crise é o corralito arxentino; crise é que os prezos se dupliquen nunha mesma tenda ao longo dun día; crise é que deixasemos de recibir o ingreso das nosas nóminas os que temos a sorte de estar empregados; crise é ver os estantes dos supermercados sen produtos; crise é que vaias ao banco e che digan que non hai nada para ti.

Pechade os ollos un momento e pensade no labrego que sacha no seu porral; ou no urbanita que chega do choio despois dun día de traballo, coma sempre.

Imaxinade que ámbolos dous non tivesen televisión, radio nin xornais, nin orellas polas que recoller todas as conversas que se verten sobre a crise. E dicídeme se eles dirían que hai crise. Cando o digan, haberáa.

Isto non é Jauja. Agora haberá crise a outros niveis; ao nivel dos ricos, dos grandes inversores, dos promotores, dos lobbis da construción. Pero a crise aínda non está nos cidadáns normais que estamos fartos da mesma canción.

Empezo a pensar que falar sen parar do tema é unha medida de narcotización para que, cando nos metan a puñalada, nos sintamos advertidos e ninguén levante o dedo.

jueves 23 de octubre de 2008

Acabouse o tempo dos tontos

Por algo máis ca por transfuguismo Santiso ha saír no xornal. No xornal, no telexornal, no España directo e nos comentarios de toda a veciñanza.

Ribadulla é a parroquia na que viven meus avós. Lembro, de nena, chegar de visita os domingos pola tarde, e ver no campo da festa a xuntanza da mocidade, que sempre se reunía ese día a contar un conto "no campo".
O campo da festa, o da igrexa, é agora a mazá da discordia e o leiv motiv dunha unión dos veciños sen precedentes.
Hai cousa dun ano o cura xuntou aos fregueses para poñelos ao tanto de que o campo da festa non era, como crían, veciñal, senón posesión do clero. Houbo que gastar cartos, horas, paciencia e servizos de peritos e avogados ata que os veciños, unidos na Asociación de Veciños A Beseña conseguiron o poder notarial que deixa ás claras que o campo é da veciñanza. Non en van foron sempre os veciños os que o coidaron, mantiveron e disfrutaron.

Pero como dixo a avoa Inés, "o domingo na misa houbo sorpresa".
Non apareceu o cura da parroquia, e no seu lugar dous curas de parroquias veciñas (personaxes que ben me darían para sendos artigos...) oficiaron a misa con normalidade. Ao remate da cerimonia sacaron do peto un papel que dixeron ler de parte do señor cura e do señor bispo: "Mentres os veciños de Ribadulla non cedan o campo á Igrexa, aquí non se volverá oficiar misa".

Non saben con quen deron, porque non houbo lugar para a dúbida.

Hoxe sae o tema na Voz de Galicia e en distintas televisións, e coa difusión do asunto medra tamén a unión dunha veciñanza que nunca tivo tan claro que "amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale".
Dicían estes días en Ribadulla que "xa pasou o tempo dos tontos", de calarlle aos curas, de baixar as orellas e facer a reverencia. Agora veremos que ten que axeonllarse.

*Na foto, os avós, con cinco dos quince fillos que tiveron.

jueves 16 de octubre de 2008

Nin fritidos nin cocidos

Os gobernantes de Europa tiñan onte xuntanza. O tema do día era o cambio climático, pero vendo como está a cousa -ou como nos din, sen parar, que está, a través dos medios de comunicación-, esquecéronse dese punto da orde do día e pasaron directamente a falar da grave crise financeira.
Dicía unha profecía india:
Só despois de que a última árbore estea cortada,
só despois de que o último río sexa contaminado,
só despois de que se pesque o último peixe,
só entón descubrirás que os cartos non se poden comer.

lunes 13 de octubre de 2008

Augas misturadas

O mundo evoluciona teoricamente de cara a facer a vida dos humanos máis doada.
Créanse servizos que cubren as necesidades, infraestruturas axeitadas a mellorarnos a vida e hábitos de uso que todos compartimos. Pero ás veces estamos tan afeitos a eses usos que empregamos a solución antes de chegar ao problema.

Estiven de viaxe polos cañóns do Sil, e como calquera turista que se precie viaxei ao catamarán que pasea o río.
O barco ía ateigado. Nada máis subir, antes de que o catamarán prendese os motores, un rapaz preguntou polo baño. O baño do catamarán.

Quedei pensando que o entorno no que se colle o barco é cen por cento campestre, que o váter dun catamarán non debe ser moi atractivo, que temos o vicio de buscar nas infraestruturas solucións que están na natureza mesma, a mesma que creou as infraestruturas... e que se fose un rapaz de aldea non esperaría a subir ao barco para botar unha mexada.

lunes 6 de octubre de 2008

Botellón en Quinzán

Nunca tal se viu.
Venres tranquilo en Quinzán, coma sempre; unha das primeiras noites frías deste outono que xa se instalou derredor de nós.
Case sen darnos conta, mentres probabamos as primeiras castañas do ano, comezamos a oír un runrún que non sabiamos moi ben de onde viña. Un son de música repetitiva, voces, case berros ledos, e un tumtumtum que só pode proceder de altofalantes de coches coas portas abertas.

Saímos á pista e descubrímolo: botellón en Quinzán.
O noso peculiar e sempre sorpendente veciño vasco organizou un botellón para os colegas en plena curva da casa de Roque de Quinzán, ante a admiración e o aparvamento popular. Os veciños das tres casas habitadas que hai na aldea achegámonos ás fiestras e asomamos timidamente o nariz para ver ser aprendiamos algo... nunca tal se viu.

viernes 3 de octubre de 2008

Si, Santiso é concello

Dende sempre, cando alguén me preguntaba de onde era, tras "de Santiso" tiña que dicir eso de "ó lado de Melide".
Cousas que pasan por vivir nun concello que -felizmente?- non aparece no mapa nin nos periódicos. Moito menos na portada! Ata que me deron os ollos neste anuncio de primeira plana do Correo Galego.
Polo visto existe tamén un lugar no Concello de Pino co nome de Santiso. Tamén hai outro preto de Lalín, e de aí que unha e outra vez me pregunten eso de "pero Santiso é concello?".
É. Concello cunha casa consistorial pero dous centros médicos, dous pavillóns, dous grupos escolares, dous equipos de fútbol sala, dúas áreas recreativas de verán, etc, etc.
Non chegamos aos 2.000 habitantes e estamos repartidos en 17 parroquias, que non é pouco, gobernados por unha coalición dun alcalde ex-concelleiro do psoe e tres tránsfugas do pp, así que que ninguén se atreva a dubidar da nosa identidade municipal. Será posible!