O bicho
Os solpores nas aldeas son sempre a entrada a unha incerteza.Cae a noite e con ela péchanse os ollos dos que asexan, dos pastores que gardan o gando, dos vixiantes que viven pola facenda. E cando os vixiadores durmen é o tempo desoutros seres aos que ninguén ve, mais que van deixando o seu rastro inequívoco ao abrente do día.
A mañá espertou no galiñeiro coa morte das pitas. Din na casa que veu "o bicho" a elas. Pitas novas, mantidas de andaren "pór fóra", pitas da casa que atoparon a súa morte na boca dun bicho ao que ninguén pon nome. Uns din que será o furón, outros que a donicela, e tamén hai quen pensa que son visóns. Vén de noite, con pouco ruído, matas as pitas dunha trabada certeira no pescozo para chuparlles o sangue e logo lisca sen lles aproveitar a carne.
Aos de Roque tamén lles veu "o bicho" nestes días. Claro que eles non nos dixeron como lle dixo unha veciña a miña avoa cando as dúas eran mozas. Na nosa casa morrera a rancha da ceba dun mal collidío, e á veciña perecéralle tamén poucos días antes a súa. Cando lle preguntou a miña avoa "e que tal che vai a rancha?", e miña avoa lle dixo, apesadumada, que acababa de morrer, a veciña respondeu cun sorriso transparente e de orella a orella: "Ghracias a dios que non foi a miña sola!".

Os homes en cambio rinse, para ben ou para mal. Gústame ben máis a actitude deles.
Á marxe da normal esaxeración que sempre debe destacar nunha caricatura ou nunha viñeta, penso que a mensaxe aseméllase moito á realidade máis prototípica, sabido como é que as xeneralidades obvian sempre as excepcións.


