lunes 19 de enero de 2009

Morrendo e desaparecendo

Acábanse as tradicións cando deixamos de crer nelas, pero seguramente se acaben tamén cando os seus instauradores desaparecen.
Non hai moito contaba nesta Lareira o caso dos meus veciños de Ribadulla, en guerra aberta coa Igrexa por mor do campo da festa. O cura, D. José, deixounos sen misa ata que non cedesen o terreo da festa a propiedade eclesiástica. Poucos meses despois, esta fin de semana tivemos a nova da morte de D. José, malferido dun accidente de coche cando volvía do Obispado a voltas cos papeis do campo...

Dous días despois, este venres, soubemos da nova de D. Javier, o cura de Furelos. Caeu redondo nun cabodano, e deixou sen titular as catro ou cinco parroquias que atendía.

En Santiso quedan dous curas, o da Ponte, ao que pertence a miña parroquia de Niñodaguia, e o de Visantoña, que atende as parroquias do outro lado do Beseña. Pouco a pouco as igrexas van quedando sen misas, os fregueses sen guía espiritual e os domingos sen madrugóns. É un fenómeno social e tamén cultural que esmorece, e que fai que os vellos rosmen entre eles coas dúbidas de quen os vai enterrar.
A misa é nas aldeas máis un encontro social fixo no calendario ca unha cita espiritual, e agora a morte dos curas obriga a buscar novas alternativas.

Mentres as parellas quedan sen casar, os rapaces sen bautizar, desaparecen as confesións... e sorprendentemente o mundo segue andando. Unha volta de tuerca sobre o necesario e o innecesario nesta vida.

5 comentarios:

Chousa da Alcandra dijo...

Vaia, pois sí que é mala sorte a dos presbíteros deses curatos...
En todo caso, Vanessa; eu estiven no Seminario e podo pasar polos confesionarios deses lugares se hai moita muller pecadora (non é sexista, e que me especialicei en pecata feminis solamente...)

F. Míguez dijo...

Eu moito teño pensado en cómo poderíamos integrar a figura da misa, as procesións ou as festas patronais nunha sociedade cada vez máis laica, pero co espíritu de non perder ese espacio social que xurde no marco da "administración relixiosa" da parroquia.

Anónimo dijo...

hola, lin na prensa que un veciño teo foi apresado pola garda civil o amigo vasco mais o noso veciño agolense fican presos. Sorte para todos os que non pechamos a porta das casas. Que me dis do amigo vasco.

Isabel dijo...

Como me gustaría que os que fan os comentarios fosen máis respetuosos; niso vese a boa educación, a boa formación que se aprende na familia, xa non digo a educación relixiosa,
falando claro digo educación en xeral sen máis,e máis todo o que nela entra. Eu case nen a escola fun, (e bó é que agora, de vella, podo aprender algo nun centro de primaria de adultos), pero na miña casa os nosos pais aprendéronnos moito respecto polas outras persoas. Por iso pido que a xente que fai comentarios nesta Lareira tivese respecto polas crenzas relixiosas da xente que, coma mín, continúa a crer en Deus. Xa sabemos que houbo papas,bispos e curas malos, moi malos, e que se cadra, por desgracia, seguirá habendoos, pero iso non me impide crer, porque houbo, hai e haberá papas, bispos e curas bós, e moi bós, e algúns grandes santos, non é?

A lareira de Santiso dijo...

Ola. Leo o comentario do "Anónimo", pero como comprenderedes eu non teño nada que dicir ao respecto. É certo que houbo unha actuación policial, pero é algo que forma parte da vida desas persoas, non da miña. Non me parece unha "historia para contar". Se existe a xustiza... ela saberá o que ten que facer.
Polo demais, en relación a este e a outros posts que teño escrito nesta Lareira, quixera dicir que este espazo non pretende ser ningún "taboleiro de valores". Eu expreso a miña opinión, e dentro do respecto e da educación que se lle supón a todo o mundo, os que escribides podedes facelo concordando ou disentindo... faltaría máis!
Un saúdo a todos e un ollo chiscado polo voso cariño cibernético.
Vanessa