lunes 23 de febrero de 2009

Durmin cun home

Durmir cun home é moito máis ca compartir os ritmos da súa respiración. É un xeito de vivir a súa proximidade, notar as súas mans apretando as miñas e sentir que aínda coa luz apagada os seres humanos somos capaces de trasmitir a través da pel quilos de reaccións eléctricas que se nos van chantando no corazón.

Cando coma neste caso non median palabras, a noite faise máis máxica, máis meiga e tamén máis longa. Só saber que eu estou alí, con el, apouséntao, dálle a cama de tranquilidade que lle é roubada cando durme só. E aloumiñar o seu rostro frío coas miñas mans cálidas mestura as sensacións e mornea esa ponte invisible que se crea entre el e máis eu cando todo o mundo durme.
O Papá José xa non pode durmir só, e iniciamos agora unha nova relación; un experimento para os dous e unha etapa na que cómpre encherlle de mimos os seus silencios, sacarlle con bicos as palabras que non acerta a dicir e entender polos xestos as súas necesidades.

Pero dedicín, decidimos os dous, -e todos os da casa- que como a fotografía -tomada onte no salto de Ribadulla-, tamén pode haber ocasos fermosos, tenros e dignos de ser compartidos.

8 comentarios:

Chousa da Alcandra dijo...

Non so os pode haber, Vanessa; estou seguro de que eres conscente de que os hai.
E que con eses mimos e esa fonda entrega logrades facelo ainda máis digno. Nunca che pesará. Xa o verás.

Moito ánimo e moita paciencia con quen, de seguro, non che ha de costar nadiña tela.

Un biquiño

Markesa Merteuil dijo...

Claro que custa, Chousa, porque tú tamén sintes como todo remata e non podes facer máis. Só estar ó carón, brindando paz. Resulta fermoso rescatar a intimidade da nenez, que queres recuperar observando o deterioro e recordando cando non era así de pronunciado. E de pronto notas como aperta a túa man e sabes que, malia a dor, está merecendo a pena. Merece a pena.

antontorreiro dijo...

Un lindo solpor para toda unha vida. Pido un así para min. É importante ver as necesidades próximas e darlles solucións. Saco o chapeu.

Carlos Sousa dijo...

Estoulle botando unha ollada o teu blog, este post paréceme moi fermoso, non todo o mundo e capaz de dar cariño nos últimos momentos da vida. Eu sei de casos, que máis parece que teñan un moble a estorbar, logo o morrer moita pena pero namentras un estorbo.
Aínda que pareza mentira, eche así.

Unha aperta.

vermella dijo...

Eu dende aquí quero que saibas que choro,que esa situación vivida xa por mín é unha das cousas máis íntimas que fixen cos meus pais,unha das cousas que ti tan ben soubeches expresar con palabras,
moitísimos bicos e conta conmigo como compañeira.

TXARI dijo...

suponho é umha intimidade que só se explica co sentimento de vivelo. Hai auséncias de verbas que falan máis que mil verbas juntas, hai formas de ocasso que ennoblecen á paragem que a sustenta....

paideleo dijo...

Fermoso texto co esa mostra de amor que me arrepiou.

Manuel dijo...

En cada aldea, vila ou cidade debiamos poñerlles monumentos ós nosos maiores. Aínda que só fose por egoísmo, non deberiamos desperdiciar toda a súa experiencia e sabedoría. Pero tamén aquí, moitas veces, non andamos demasiado finos. De todas formas, penso que nas nosas aldeas aínda se ten un certo respecto ás persoas de idade, máis ca nas cidades. O exemplo de Vanessa é admirable.