Perfeuto
Nunca tiven unha cometa. Os nenos das aldeas, como diría o amigo Ollea, entretémonos con calquera cousa; con hórreos de carolos, con trens de cachola de nabo, con frautas de alcacén e bonecas con pelo de millo.
Tamén tiven a boneca sen pilas que anda colléndoa da man, o parchís con imán e o tres en raia, que non podía faltar en casa ningunha. Pero nunca unha cometa, nin un muíño, nin un axóuxere do vento. Será que non se sente o aire como un xoguete de aldea.
Co 28 cumpreanos houbo quen soubo encher ese pequeno furado da patria da infancia, e hoxe enche tamén a horta de raios de cor e luces circulares. É o muíño de vento da foto da cabeceira polo que preguntaba Chousa, e que polo menos é quen de sacar un sorriso por transportarme á nenez e por pór de manifesto que nunca é tarde para que nos regalen xoguetes.
*O perfeuto da foto estaba escrito a xiz no portalón dunha casa do Couto Mixto, en terras ourensás de Baltar. Se para o paisano está perfeuto, para min, desde logo, tamén.
6 comentarios:
Eu tampouco tiven nunca unha cometa, e o meu veciño que tiña un Monopoly, era a hostia xa, e a súa nai só nolo deixaba algunha fin de semana de choiva, na súa casa e baixo a súa supervisión.
Pero nós éramos nenos libres e moi felices, andabamos en bici, xogabamos á "chica", á "pedra", ás canicas, ao escondite, ao fútbol e ao brilé, no verán pasabamos a tarde no río ou na piscina, que daquela custaba 10 pesetas.
Qué tempos aqueles, só espero que se teño fillos algún día eles gocen da súa infancia como gocei eu: ao aire libre
Mira que bonita quedou a cometa na horta. Seguro que cando plantes os repolos han medrar máis lucidos con ela como compañía!.
Agora xa me quedou perfeutamente entendido.
Bicos de Antas!
Confeso que cando merco xoguetes ou contos para o Leo tamén penso en min e nos momentos de ledicia para compartir.
Pois a mi o que mais me gustaba eran os escalestrix, e xa ves ata moitos anos despois, xa para o meu fillo maior, non vin cumprido o meu desexo, como din paideleo, o comprei tal vez pensando mais en mi que en él....
dende as nove si que é hoxe todo perfeuto , xa hai orde España non se rompe
Hai un dito na nosa terra de Santiso, e noutras tamén, que afirma que "non está o alcacén para gaitas". ¡Quen ben o damos explicado nós!
Eu, que quería ser músico, ademais dos xoguetes que sinala Vanessa, tamén facía que tocaba cun gharabulliño coma se fose un clarinete. A influencia da Banda de Rivadulla(Vilar de Ferreiros ou Visantoña,non sei como hai que chamala) era moi grande.
Publicar un comentario en la entrada