martes 24 de marzo de 2009

Agardar no silencio

A vellez en silencio é o xeito de agardar a chegada da morte. Polas súas mentes, ás veces lúcidas e outras inmersas no recordo infantil, paseará a dúbida e a incerteza do final que a todos nos agarda. Pero eles teñen o tempo todo; tempo para soñar que haberá alguén que os agarda cos brazos abertos; alguén que está alí porque eles o citaron coas súas oracións.
Outros pensarán en reunirse con quen xa foron diante, coa xente que lles foi abrindo o camiño nebulento polo que eles xa agardan.

No silencio dos vellos agóchase o misterio do funcionamento da súa mente. Botan horas enteiras así, matinando a soas consigo, sen que ningún estímulo externo lles fenda a burbulla de cristal que a idade lles foi tecendo derredor de si, a que xa imos tecendo todos cada día que vivimos.

A inquedanza que a min me produce a morte, a curiosidade por saber que pasará no momento no que os vinte e un gramos de alma saian do noso corpo non será nunca saciada ata que, como din os vellos, "batamos na nosa cabeza". Non teño présa porque quero andar o camiño todo, pero pagaría por agardar os eu fin coa naturalidade macerada dun vello e coa certeza de que, despois alguén nos dará outra oportunidade, aínda que sexa un soño.

9 comentarios:

Manuel dijo...

( De Helena Villar e Xesús Rábade Paredes):

Mentres te me vas indo, coma vento de outono,/ arrancándome as follas e inzándome de corvos,/ vai quedando a paisaxe dos seus dous brazos toca,/ coma ameneiros tristes cabo da noite inmensa./ Polas barbas do río choran todas as albas,/ de mensaxes valeiras e de oseiros preñadas.../ E o horizonte inmenso, lonxano coma un mito,/ pétame en cada verso cun latexo infinito./ Mentres te me vas indo, coma vento de outono,/ arrancándome as follas e inzándome de corvos,/ camiño cal romeiro dun altar imposible/ cos pés escarnizados e cos ollos resecos.

Xan dijo...

A morte mais axetada,si se pode considerar axeitado morrer e cando o corpo ea mente camiñan o mesmo compas, do contrario si a mente esta muy lucida eo corpo non responde debe ser mais dolorosa a partida.

Chousa da Alcandra dijo...

Reflectiches moi ben a idea de calma que se percibe nos maiores diante de temas tan trascendentes como a morte.
Por buscar un símil, imaxino que se sinten como cando eramos nenos e tiñamos os deberes feitos.

Apertas de Antas

Manuel dijo...

Non quería acaparar eu tódolos comentarios (que alguén me diga se hai algunha norma a este respecto, e contéñome), pero o tema que nos ocupa e preocupa(dáme medo pronunciar o nome e non debera) non se ve da mesma maneira de novos ca de vellos. Por iso a min me chama a atención a lucidez con que o ve e o expresa Vanessa (porque é unha moza).

Cando un vai indo para vello, éntralle a angustia, polo menos a min pásame, e pregúntase qué fixen de bo e interesante que poida perdurar e que así todos se acorden de min. Entón empeza a pesar en tal ou cal escritor, pintor, músico,... e sente envexa. De todas formas, eu creo que o consolo está en que perduraremos no recordo da nosa familia e dos nosos amigos e compañeiros. ¿Que mellor obra de arte se pode facer ca que te recorde con agarimo un neto, un fillo, un amigo,...?

Carlos Sousa dijo...

Os maiores cando están a espera da súa hora semellan unha paz interior, que habería que saber certo si a teñen. O que está claro que en moitos casos teñen todo o tempo do mundo para pensar (seino por experiencia) e non se sabe se están a cavilar no que fixeron, no que quedará cando marchen... Non deixa de ser un misterio.

Con todo o doloroso que pode ser, o importante é que sexa un adeus con tranquilidade e calma (se pode ser)

Anónimo dijo...

manuel infiltrao

Manuel dijo...

¿Que queres dicir, anónimo? ¿Molesta a miña presenza? Eu non quería molestar.

Isabel SUÁREZ FUCIÑOS dijo...

Ninguén fala de Deus, pero cando chega o momento da partida definitiva... ¿eh? ... máis de un pensa, ¿non sí?

¡Moi ben, Vanessa, con canto agarimo falas dos teus avós!

Manuel dijo...

Para o comentario número 6 (Anónimo):

Mira, algúns dos grandes problemas da nosa terra, de Galicia, son os enfrontamentos e as disputas persoais. Eu, como dicía Curros Enríquez (que tamén estivo relacionado coa nosa terra), estouche máis "pola unión dos bos galegos".

A miña ideoloxía é, aínda que poida parecer pretencioso e rimbombante, a defensa de Galicia, da súa lingua e da súa cultura. Outras actitudes concretas (e mesmo políticas) poden obedecer a situacións persoais e puntuais ó longo da vida. Iso non quere dicir que naqueles momentos non foses fiel ás persoas que apoiaches. Pero o amor a Galicia nunca cambiou e nunca cambiará.

Cando descubrín o blog de Vanessa alegreime moito, por ser da "terriña" (e eu estar lonxe) e tamén por estar en galego. Ademais, porque a xente que deixa aquí comentarios me parece interesante e que vale a pena. O tema da lingua non é unha cuestión secundaria. Nestes momentos nos que o seu futuro parece gris, necesítase da unión de todos. Eu nunca fixen demasiados esforzos por ocultar a miña identidade (o nome de Manuel é real), porque non hai nada que esconder.

Repito, eu non quixera estar de máis en ningún sitio, porque a nosa terra necesita de todos e non estar infiltrados, evidentemente.