Cultura e libros galegos
Contaba Risco en O porco de pé que o protagonista ateigaba a súa biblioteca con centos de volumes para os que nunca atopara máis utilidade ca estear unha cadeira ou amorear po.
A miúdo en entrevistas a escritores e reportaxes sobre a cultura escóllense como escenario bibliotecas e habitacións nas que abundan os libros, ordenados, desornedados, volumes grosos, e coleccións de todo tipo.
Non creo que sexa certo ese dito que asegura que todo está nos libros. É máis, deixando claro que os libros nos fan viaxar por mundos descoñecidos, nos espertan sensacións que dificilmente viviriamos en solitario e nos cargan a mochila que cada un temos como vagaxe cultural, penso que hai tanto mundo tamén fóra deles, tantas sensacións e tantos xeitos de descubrilas que considerar o índice de lectura como baremo para o desenvolvemento cultural dun país non ten nada que ver coa realidade.
Terao coa realidade da que fala Marta Rivera de la Cruz, para quen "novelar" é todo un verbo, unha profesión, como "amasar", "repartir", "vacunar" "repoñer",...
Para os que pensamos que a maior pegada cultural dun país non está nos estantes dunha relucente biblioteca, senón no sotaque particular das xentes das aldeas, nos ditos e refráns que están esmorecendo, nos xeitos de mirarse que teñen os vellos para dicirse cousas sen ter que mediar palabra, nos hábitos de lecer que nos son propios, nos xeitos de vestirnos, de namorar, na retranca dunha conversa chea de palabras que se cadra non queren dicir nada... para esta xente os índices de compravenda de libros non marcan as nosas inquedanzas.
Claro que nós nunca seremos uns culturetas nin estaremos á altura de grandes debates metafísicos sobre a lectura e a cultura, aínda que saibamos que un gato pode andar á xaneira no mes de abril.
11 comentarios:
Vanesa, mira se é verdade iso de que non toda a cultura está nos libros, que os nosos antepasados deron conservado a nosa lingua sen eles. E hoxe, nós, con libros e máis libros, deixámola morrer. ¡Vai cultura a nosa!
Con todo, hai que ser xustos, os libros tamén son importantes. Non só lelos, senón comprendelos e asimilalos, que ese é outro cantar.
O día que todo chegue a estar nos libros, xa non haberá nada do que escribir.
(Abril é un mes caralludo para andar á xaneira. Ainda sen ser gato).
--Moi avanzada está a primaveira pola tua terra. Espero que a friaxe destes días non amole tantos gromiños novos--
Bicos dun marzo que remata
Unha novela é iso: unha novela. As mellores anécdotas, os mellores relatos escoitéillelos aos vellos das aldeas, incluso con recursos estilísticos ben orixinais.
A cultura está onde está a xente. Non só nos libros, que tamén.
Gústanme eses rasgos da cultura que citas como paradigma dun modelo de vida que os urbanitas ás veces descoñecen ou simplemente queren ignorar.
Apertas.
A letra impresa aínda dá moita seguridade. Levo tropecentos intentos para mandarlle unha mensaxe a Vanessa e non hai forma.Xa desisto.
Eu, a verdade é que sempre son moi susceptible, pero non sei...a min dáme a sensación de que a xente manda menos comentarios. Gustaríame saber se Vanessa prefire que eu silencie a miña voz. Grazas.
Por iso din que non hai millor universidade que a da rua.
Dillo un que emborrancha libros: os libros son cultura, pero NON TODOS. Teñen máis valor as cousas que vostede di.
Por exemplo a nosa lingua. De que valerá que estea nun millón de libros cando morra o último vello que a fala?
Ola a todos!
Manuel: parece mentira que dubides sobre o dos comentarios. Que haxa xente que precisamente queira boicotear este blog non me parece motivo para que as persoas que escribides porque queredes dar a vosa opinión, sen afán de destruír, o fagades. Adiante, por favor.
Bicos.
Ah, para contactar comigo o email é sonvanessa@hotmail.com
Moitas grazas Vanessa.
En "O lapis do carpinteiro" de Manuel Rivas hai un personaxe que ten unha relación parecida cos libros á do protagonista de "O porco de pé" de Vicente Risco. Parecida, pero non igual. No caso de Manuel Rivas, Benito Mallo, unha vez que descubriu os libros, pasa un tempo cada día dedicado á lectura de poesía. Mesmo queda cos ollos cerrados co libo no regazo, meditando. Cando está nesa situación, ninguén o pode molestar: "o señor está co libro", dicían os criados.
Fixástesvos nos títulos dos libros? Eu é algo no que reparo moito ultimamente. Hai títulos tan bonitos que xa dan ganas de libro. A min hai un de poesía que me parece unha fermosura: "Sombra do aire na herba", de Luís Pimentel. O que pasa é que creo que non llo puxo el, xa que foi publicado postumamente.
E xa acabo, hai outro libro que temos tódolos galegos e que a min sempre me chamou moito a atención. Un libro que non é un libro. Ese que ten un espazo preparado para cubrir cando morramos: O libro de familia. ¡Quen me dera non abrilo!
Creo que tes toda a razón no que dís. Pra Marta, tanto novelar como prosar como poetizar ou ensaiar, son diferentes profesións. Apertas
A min gústanme os libros, disfruto moito lendo, pero tamén é certo que de pouco van valer os libros cando non haxa naide que fale a nosa lingua.
Bicos
Cecáis os libros acubillan tesouros que non son doados de ver no día a día. Ou xeitos de ver a vida distintos dos habituáis. Nese sentido, os libros terían de ser de consumo habitual, polo que teñen de enriquecedor.
Non quita pra que a túa reflexión sexa acertada. Non está todo nos libros. Polas rúas hai moito onde aprender, e nas das aldeas, máis. É o malo que teñen as "vilas" (mal invento, parta un raio...) Nin da aldea nin da capi.
Ando a adiviñar que será o de andar á xaneira..., pero creo que me fago unha idea.
Saúdos
Publicar un comentario en la entrada