Revolución parcelaria
Dicía un veciño pavero que "en Barazón, pola parcelaria, ha haber mortes!".
Concluída a concentración nesa parroquia mortes non houbo, pero si se cortaron amizades, relacións que viñan de xeracións moi vellas e houbo quen deixou de irlle axudar a apañar as patacas ao veciño.
Cousas de marcos, do vicio que temos os galegos de valorar das terras non só polo que valen, senón tamén pola suor que levamos investido nelas, polo sabor das mazás que dá a horta esa, polo bo que sae o trébol nese pasto, porque xa foi da bisavoa da casa que o deixou en herencia... e un longo etcétera que nunca cotizarán en bolsa ningunha que non sexa na bagaxe sentimental dos nosos vellos.Hoxe viñeron a Niñodaguia a "dar as fincas"; aínda non sei como foi, pero agardo que a división non fose como os occidentais repartiron África, sobre unha mesa occidental con escuadra e cartabón. Tamén é curioso que a xuntanza se faga na Igrexa, cando temos unha escola unitaria a piques de caer e na que se celebraron todas as xuntanzas anteriores. Que deus nos acompañe, logo.
A idea da parcelaria é boa, pero chega cando xa non hai ninguén que traballe a terra e o resultado son pilas de árbores cortadas polo pé -carballos e castiñeiros fundamentalmente-... pa que non os leve o outro.
4 comentarios:
que pasa non pode ser na igrexa?
Vaia tema!, Vanessa.
Causou e causa moitos traumas, pero creo que é algo necesario. O que pasa é que, como ti dis, chega algo tarde.
As fincas si que van parecerse ó mapa de África, liñas rectas...
Tal como estaba o noso campo, os cambios si que van ser moitos. Por citar só os anecdóticos, pero non menos iportantes e sentimentais:
Antes a xente dicía "a leira grande", "a leira pequena"...como se lles chamará agora? Esperemos que non se perdan os nomes.
E as silveiras cos niños, e os colados para gardar a vaca coa corda e para xogar os nenos...?
Cando chamabamos as vacas pola corda arando, se a leira era pequena, a cousa inda era levadeira.¡Calquera chama agora as vacas pola corda nunha finca desas?
No que dis da igrexa, tes razón. Será porque che é propietaria, que lles pregunten os de Rivadulla.
A tua primeira frase sobre o que dixo ese veciño pavero de Barazón, fíxome lembrar unha similar que un día dixo un home xa vello nun lugar onde a fixeran (a concentración) había xa ben anos:
"Eiquí, cando se fixo a parcelaria, houbo moitos mortos; pero se hoxe a volven para atrás...léveme o diaño se non hai otros tantos!".
[Por certo, o encargado de fixar o Aviso, non escatimou en grapas eh!!!]
Bicos concentrados. Amén (xa que é na igrexa...)
Dicía onte un amigo na miña casa:
«aquí a xente prefire que expropien unha veija antes que venderlla a un veciño (e puña un caso real como exemplo), deben de ter medo que un día excaves e topes ouro, ou aljo así».
Publicar un comentario en la entrada