miércoles 22 de abril de 2009

TDT (TV dixital Terrestre ou Tanto dá Tela)

O día que Tono trouxo unha televisión con TDT incorporada para a casa soubemos que, malia que nos parecese, non era Quinzán o sitio máis recóndito a nivel de telecomunicacións do interior de Galicia.

Pero a cousa cambiou cando tentamos levar a tecnoloxía dixital a Chorén, a apenas un quilómetro. Coa loxística que ofrece o espazo natural e procurando nos silos das granxas a maior altura... fozamos e fozamos sen éxito á captura do sinal dixital que non quixo parar cabo de nós. Abortar operación. Carlos, baixa do silo!

Seica en xuño apagan a tecnoloxía analóxica, e en Chorén, e en tantos outros sitios que non saen nos grandes titulares sobre a velocidade de crecemento desta Galicia mergullada na sociedade da información, quedaremos apagados de todo.

Agardo que a nova Xunta distribúa de balde gafas de mergullo para os que estamos destinados a non ver a luz desa tecnoloxía que seica vai enchoupar Galicia.

9 comentarios:

Carlos Sousa dijo...

Cando se produza o apgón, vai haber moitas sorpresas. Menos mal que non vos funcionou o tema, senón xa me imaxinaría a xente instalando silos ó lado das casas.

Por outro lado, para o que hai que ver na Tv. non se perde moito.

Chousa da Alcandra dijo...

Moi boa a metáfora das gafas de mergullo! (ti tamén tes o gatillo semántico moi ben dotado).

[Teño que dicir sobre o particular que na miña casa hai tres trebellos deses, e cada día un "perde" a sintonía dunha canle das habituais. Sobre todo a TVG, que anda bailando dun lado para outro. A min dame o corpo que vai ser preciso mercar algo máis para encher o peto de alguén...]

Markesa Merteuil dijo...

Certamente é unha vergonza que nos falen das bondades de vivir no rural e que o deixen sen servizos, e... se soamente fose este... Queren habitantes para o rural para que os turistas o atopen coidado para cando veñan de visita, pero é que no rural hai xente que vive durante todo o ano e que precisa ter todos os dereitos dos que dispoñerían se vivisen nunha cidade. Ata o teletraballo resulta dificultoso...

Manuel dijo...

Nas aldeas a televisión é, en moitos casos, a única diversión. Nalgún sitio estivérona e estana vendo nunhas condicións lamentables , refírome á mala sintonización.

Se os cambios que se aveciñan son para mellor, benvidos sexan, pero, por favor, que non toleen moito á xente para implantalos.

anto dijo...

Teñen que deixarse de caralladas e dotar ao rural de comunicacións actuais básicas (TDT, rede, telefonía móbil...)e que sexan de calidade. Pode aforrarse un pouco en asfaltados, pero non nisto.

Outro tema é onde colocar as antenas (e os depósitos da auga) sen que "ofendan" a vista. No almacén de silo non che é mala idea; así as vacas están á nosa altura: poden xantar coa televisión acesa igualiño ca nós (total, para o que se teñen que dicir unha a outra!).

Veloso dijo...

Pois moito temo que en Silvaoscura imos quedar apagados e sen conexión. En fin, para o que hai que ver! Saudiños matinais dende a beira do Douro.

Markesa Merteuil dijo...

Deixeiche un agasallo no meu blog. Espero que o aceptes. ;)

brabido dijo...

Na zona do condado,tres cuartos do mesmo .
E dependen moito do tempo,co dia calmado inda ten un pase pero se chove ou esta nublado a cousa cambia
Xa que no meu caso perdo a sinal de tele5 ,antena3 ,tvg e mais as suas afiliadas o como lle chamen, e que quedas sen dez canles o mais

Supoño que cando sea o apagon general mandaran unha sinal mais forte é cual nos chege a todos.
deica logo

Manuel dijo...

Desculpa outra vez, pero pido permiso para dicirlle a Mencía que o seu relato de Vieiros tamén é moi bo. Vaia se ferve a rede!