Cultura e libros galegos
Contaba Risco en O porco de pé que o protagonista ateigaba a súa biblioteca con centos de volumes para os que nunca atopara máis utilidade ca estear unha cadeira ou amorear po.
A miúdo en entrevistas a escritores e reportaxes sobre a cultura escóllense como escenario bibliotecas e habitacións nas que abundan os libros, ordenados, desornedados, volumes grosos, e coleccións de todo tipo.
Non creo que sexa certo ese dito que asegura que todo está nos libros. É máis, deixando claro que os libros nos fan viaxar por mundos descoñecidos, nos espertan sensacións que dificilmente viviriamos en solitario e nos cargan a mochila que cada un temos como vagaxe cultural, penso que hai tanto mundo tamén fóra deles, tantas sensacións e tantos xeitos de descubrilas que considerar o índice de lectura como baremo para o desenvolvemento cultural dun país non ten nada que ver coa realidade.
Terao coa realidade da que fala Marta Rivera de la Cruz, para quen "novelar" é todo un verbo, unha profesión, como "amasar", "repartir", "vacunar" "repoñer",...
Para os que pensamos que a maior pegada cultural dun país non está nos estantes dunha relucente biblioteca, senón no sotaque particular das xentes das aldeas, nos ditos e refráns que están esmorecendo, nos xeitos de mirarse que teñen os vellos para dicirse cousas sen ter que mediar palabra, nos hábitos de lecer que nos son propios, nos xeitos de vestirnos, de namorar, na retranca dunha conversa chea de palabras que se cadra non queren dicir nada... para esta xente os índices de compravenda de libros non marcan as nosas inquedanzas.
Claro que nós nunca seremos uns culturetas nin estaremos á altura de grandes debates metafísicos sobre a lectura e a cultura, aínda que saibamos que un gato pode andar á xaneira no mes de abril.
