jueves 30 de abril de 2009

A importancia das palabras

Coñecemos as cousas polos nomes que lles damos, e os medos e as empatías seguen tamén o camiño que lles marcan as palabras.

O mundo anda abaneando por unha gripe que naceu co nome de gripe porcina, por ter a súa orixe nunha doenza respiratoria destes animais, e que raramente pasa aos humanos; se o fai é -segundo din os expertos-, polo contacto directo con eles, que están no obxectivo dos seus esbirros e das súas toses, que tamén as teñen.

Hoxe os que teñen poder para nomear as enfermidades do mundo veñen de recomendar que se esqueza o nome de gripe porcina e se comece a empregar o de gripe nova para referirse á que xa chaman nova pandemia.

Para a xente que vive dos porcos, que merca porco, que está pendente do prezo da carne e que ten por referencia bursátil a lonxa de Silleda é unha decisión novidosa que fai útil a semántica no ámbito gandeiro, dous campos que posiblemente nunca contaron de ter nada que ver.

lunes 27 de abril de 2009

Modelos empresariais

Nunca vin que a expresión de que o traballo dignifica procedese dun asaliarado sen tempo para vivir. É unha frase que habitualmente procede das clases gobernantes ou daqueloutras ás que a suor non lles sae nin dos poros nin das neuronas.


Recoñecéndolle as súas cousas boas, que as ten, o traballo non deixa de ser algo imprescindible para vivir, e por tanto un medio para a existencia, non a existencia mesma; outra cousa é que despois cadaquén procure adaptalo ao seu xeito para esquecerse, por un intre, que botamos a vida no camiño e ás veces acábasenos o tempo sen dar chegado a ningures.

Por iso, neste tempo no que parece que está mal visto non facer horas extra, non adorar o traballo, non implicarse nel máis do que a profesión nos esixe, leo agradecida o que están están facendo algunhas empresas para que o traballo, xa que é traballo, se leve ben.

Recóllense mencións algunhas destas empresas nos premios Madrid Flexible, que destacan traxectorias como as de Microsof ou Ferrovial que ofrecen liberdade de horarios, meses sabáticos cada cinco anos, horarios especiais para pais e nais, servizos de gardería, permisos especiais para nacementos, excedencias e reducións de xornada... e outras iniciativas que a ollos do común ogro empresario poden soar a pérdida de tempo, mais que son a chave para que un traballador desexe botarlle unha man á empresa achegando o seu traballo ben feito... ou que estea mirando o reloxo para fuxir del.

miércoles 22 de abril de 2009

TDT (TV dixital Terrestre ou Tanto dá Tela)

O día que Tono trouxo unha televisión con TDT incorporada para a casa soubemos que, malia que nos parecese, non era Quinzán o sitio máis recóndito a nivel de telecomunicacións do interior de Galicia.

Pero a cousa cambiou cando tentamos levar a tecnoloxía dixital a Chorén, a apenas un quilómetro. Coa loxística que ofrece o espazo natural e procurando nos silos das granxas a maior altura... fozamos e fozamos sen éxito á captura do sinal dixital que non quixo parar cabo de nós. Abortar operación. Carlos, baixa do silo!

Seica en xuño apagan a tecnoloxía analóxica, e en Chorén, e en tantos outros sitios que non saen nos grandes titulares sobre a velocidade de crecemento desta Galicia mergullada na sociedade da información, quedaremos apagados de todo.

Agardo que a nova Xunta distribúa de balde gafas de mergullo para os que estamos destinados a non ver a luz desa tecnoloxía que seica vai enchoupar Galicia.

martes 21 de abril de 2009

Retrovisor

Temos o mal costume de pensar que as cousas que fomos deixando atrás sempre foron mellores; que o tempo vai pasando por nós desgastándonos, minguándonos as forzas, as ganas, a vida.

Os espellos mal orientados pódennos traer a morriña dun tempo que xa non volve, e o que o poeta Horacio chamaba carpe diem segue vixente hoxe, máis ca nunca, na boca dos vellos cando nos din que o que valen son as feitas.

Logo xa non queda tempo nin ocasión para volver atrás. O río nunca trae a mesma auga, e a choiva -como dicía Pedro Guerra- nunca volve cara arriba.
E coa sombra dos segredos acompañándonos sempre, das verdades que nunca se saberán, das complicidades vividas, dos momentos compartidos e dos erros que nos fixeron chorar queda o tempo que xa foi.
Cómpre vivilo antes de que el nos viva a nós.

martes 14 de abril de 2009

Rural sobre rodas

Os mozos da aldea sempre fomos os que enchemos as discotecas co "ghastas pista?"; empregamos técnicas de mocear que substituían ao urbanita "¿estudias o trabajas?" por "e vós cantas vacas tedes?".
Claro! Pa eso somos da aldea, que non valemos pa sacar da casa! E por eso a nosa identidade se reforza, segundo o reporteiro de La Voz de Galicia, nun coche tuneado... pa correr polas pistas da parcelaria, seguramente. Pois pa diante! Lume a tope e ferro a fondo!

lunes 6 de abril de 2009

Formigonitis

Será que antes non chegaba o formigón ás aldeas que agora hai aínda quen debe pensar que botar unha capiña de formigón sobre o que sempre foi colado produce un efecto como o da Real Academia Española: "limpia, fija y da esplendor".Añadir imagen
Será esa manía que non entendo de pechar as eiras cando xa a orografía do terreo se vai encargando, coma os ríos cos meandros, de trazar o seu camiño natural.
Serán, como dicía meu avó, as "vaiuras da morte", que levan ós xubilados das aldeas, que sempre foron caseiros de a medias, a erguer fortificacións de formigón sobre as súas eiras, agora que as teñen en propiedade.

Sexa o que queira, o certo é que en Quinzán hoxe comezou a pala a facer sitio para encher de formigón o colado xeitoso que se ve na foto xa medio escangallado.
Cada un no seu seica fai o que lle peta.

viernes 3 de abril de 2009

Revolución parcelaria

Dicía un veciño pavero que "en Barazón, pola parcelaria, ha haber mortes!".

Concluída a concentración nesa parroquia mortes non houbo, pero si se cortaron amizades, relacións que viñan de xeracións moi vellas e houbo quen deixou de irlle axudar a apañar as patacas ao veciño.
Cousas de marcos, do vicio que temos os galegos de valorar das terras non só polo que valen, senón tamén pola suor que levamos investido nelas, polo sabor das mazás que dá a horta esa, polo bo que sae o trébol nese pasto, porque xa foi da bisavoa da casa que o deixou en herencia... e un longo etcétera que nunca cotizarán en bolsa ningunha que non sexa na bagaxe sentimental dos nosos vellos.
Hoxe viñeron a Niñodaguia a "dar as fincas"; aínda non sei como foi, pero agardo que a división non fose como os occidentais repartiron África, sobre unha mesa occidental con escuadra e cartabón. Tamén é curioso que a xuntanza se faga na Igrexa, cando temos unha escola unitaria a piques de caer e na que se celebraron todas as xuntanzas anteriores. Que deus nos acompañe, logo.
A idea da parcelaria é boa, pero chega cando xa non hai ninguén que traballe a terra e o resultado son pilas de árbores cortadas polo pé -carballos e castiñeiros fundamentalmente-... pa que non os leve o outro.

miércoles 1 de abril de 2009

Cómo cambian los tiempos, Venancio, que te pareceee!

Astérix e Obélix forman un equipo compensado, a forza e a intelixencia en dous homes que defenden a morte a Galia dos ataques dos romanos. O seu proceder é tramposo, porque empregan unha pócima máxica preparada polo druída Panorámix que os quita de todos os apuros que poden darse na loita. Certo é que Panorámix é galo, se fose romano non creo que os romanos o desperdiciasen.

Os romanos en cambio caracterízanse por seren algo máis toscos e brutos nas contendas. Son torpes, caen unha e outra vez nas trampas dos galos pero teñen a virtude -ou o defecto- de intentalo unha vez tras doutra. As loitas son sanguentas e a violencia e o antagonismo case se bota fóra das viñetas dos cómics.

Pero un día romanos e galos descobren que hai un territorio virxe ao que ningún dos exércitos chegou. Para repartirse o pastel acordan que... no fondo non son tan distintos, que a verdade e a xustiza ben se pode trocar por un anaco de terra.E os romanos de a pé que forman as frontes de guerra -non os centurións!-, e os galos de a pé coma o músico que sempre remata o tebeo atado a unha árbore quedan con cara de parvos... E para iso tantos tebeos enfrentados? Tan fondas eran as nosas diferenzas?
Velaí Euskadi.

* Cómo cambian los tiempos, Venancio, ¿que te parece?, canción popular de La Vieja Troba Santiaguera.