martes 30 de junio de 2009

E, como contabamos... foi unha festa

Unha unha procesión de cincuenta persoas será portada dun rotativo. Pero a procesión do San Paio 2009 será portada na lembranza de todos cantos participamos nela dun ou doutro xeito: baixando do altar o Santo que nunca dalí baixara desque fora empoleirado a primeira vez; fregando o santo para que estivese lustroso o día da procesión; rozando derredor da igrexa para que, anos despois, alguén dese dado a volta; quedando cos vellos para que a muller da casa puidese ir á procesión,...e un longo etcétera de detalles e xestos compartidos o 27 de xuño por todos os veciños e veciñas de Niñodaguia.

Nunca o santo saíra en procesión, e alén do significado relixioso -que penso era claramente un segundo plano-, tralo santo, alzado nos ombreiros de Tono, Enrique, Manolo e Alberto, seguindo a Pepe que abría a procesión coa cruz...tras eles ía a recuperación dunha tradición que se cadra, se nos deixan xa nunca volve esmorecer.


Mozos e vellos que nunca acoden á igrexa asistiron o sábado á misa cantada.

Ollar dende os primeiros bancos a porta franqueada polos mozos da parroquia e polos músicos que agardaban para tocar na procesión foi todo un acontecemento.

E con esta patria das pequenas cousas, de quen se emociona por ver nun campo da festa de estrea a todas as parellas da parroquia bailar o agarrado ao ritmo dos Magos de España; con ese tesouro que xa botou a andar, agardamos xa pola festa do ano que vén.

Coas grazas a toda a xente que nos mercou as camisetas que levan no peito o NdA de Niñodaguia; aos que mercaron as rifas para as camisolas de fútbol e para o año, que ademais non pasará pola coitela senón que medrará na parroquia porque lle tocou a Óscar dos Regueiros.

Coas grazas orixinais para Alberto e José Enrique por ter as primeiras ideas e os primeiros impulsos que logo os demais tentamos seguir; coas grazas a María, que fregou no santo para quitarlle a cotra que levaba anos aniñando nel;
a Javi, por botar man da fouce e da gadaña e rozar coma sempre e coma nunca a igrexa, as cunetas, e facer daquel un sitio entrañable;

Coas grazas ás cociñeiras, que nos tiñan o xantar preparado cando chegamos da sesión vermú;
aos camareiros e á camareira do carro que traballaron a reo para que ninguén pasase sede...
e aos veciños que fixeron que os Magos de España puxesen a danzar ata ao máis coxo de Niñodaguia... e o que é máis importante: que sementaron en nós as ganas de comezar a traballar xa para o San Paio 2010. Quen dixo que as segundas partes non son boas?

lunes 22 de junio de 2009

Grande/s festa/s en Niñodaguia

Hai dezasete anos que a parroquia de Niñodaguia non celebra con verbena o San Paio, o seu patrón, pero este ano volveremos ter, con maiúsculas, o DÍA DA FESTA.

Detrás deste cartel -no que se escapou unha curiosa interpretación do nome do noso patrón...- están os esforzos e as horas investidas sobre todo por Enrique e Alberto, os mozos solteiros que volveron facer certa esa tradición que di que a xente nova é o motor festeiro das aldeas.

Imprimiron camisetas, percorreron establecementos comerciais na procura de anuncios (=cartos) ...e todo despois de andar dúas veces casa por casa todas as da parroquia sondeando as ganas de festa e de colaboración dos veciños.

Somos unha parroquia vella, coma todas, pero vellos e novos volveremos oír o ruído da orquestra dende as nosas casas cando esteamos preparando as rosquillas, o entrante, os callos, o carneiro e a tarta xeada (con whisky), agardando polos festeiros.

É máis ca unha tradición, e aínda que é certo que tantos esforzos posiblemente non sexan rendibles para un día -no que ademais anuncian choiva-, é un xeito de darlle vida, son e troula a unha parroquia que se nega a desaparecer.

Quedades chamados pá festa. Se non podedes vir vós mandade os nenos.

miércoles 10 de junio de 2009

Estar ó día.

Un día, de repente, quedas durmido e cando espertas daste conta de que non pasa nada se non sabes o que ocorre no mundo.

Non pasa nada se non sabes cal é a noticia do día, nin cales son as últimas declaracións dos políticos que mandan na Terra. Non pasa nada se non sabes quen dirixe o Madrid, que caeu un avión no océano, que Berlusconi pervirte nenas, que a gripe porcina volve ser outra pandemia de pobres, que os telediarios non paran de zoar.

E pensas que moito mellor non saber nada, que chegue a noite para durmir a perna solta, que medren os tomates na horta, que as galiñas nos dean ovos para unha tortilla e que veña á casa alguén a quen queiramos para aniñar no seu colo, bicarlle a cara ou deixarse aloumiñar polas súas verbas de cariño.

E fóra, que chova. Que unha semana faga 28 graos e cinco días despois 14. Alguén vai mellorar algo por saber máis noticias? Non o creo. Se cadra unicamente aumenta a nosa inquedanza.

* Palabra de xornalista.... inda por riba!

miércoles 3 de junio de 2009

O sabor dos billetes.

Só despois de ter cortado a última árbore,
só despois de ter envelenado o último río,
só despois de ter pescado o último peixe,
só despois descubrirás que os cartos
non se poden comer.
-Profecía india-
E mentres hai quen vive de comer billetes, as árbores froiteiras maduran en marzo e en abril quéimaas a xeada.
Maio castiga cun sol de inferno e os cambios de temperatura son bruscos e desestabilizantes.
Adiántanse as colleitas, baixa o sol, secan as fontes a deshora e neva no mes de abril.
Fagan caixa, que axiña non ha de haber con que regar os billetes.