Longa vida á avoa
Vai dando a volta o círculo da vida. Morren uns, nacen outros, e outros perduran.
Con 96 anos descubrimos caducado o carné da avoa, e preparamos a caravana de desprazamento ás oficinas da Policía de Santiago de Compostela, coa mellor toca e a saia dos domingos.
No carné, efectivamente, todos os datos estaban mal, e o funcionario preguntábanos a nós cales eran os datos correctos.Pero a avoa, que é lista e rápida, respondía sempre antes ca nós:
- Como é o nome da parroquia?
- A parroquia é "Niñodaghia"
- E a aldea?
- Quinzán!
- Número
- Non temos número, ou, nena? - dixo, mirando para min..... E ao segundo acendéuselle a luz aló dentro e díxolle ó funcionario:
-... Número non temos, pero póñalle "Casa de Portocelo", que é como nos conocen.
Sobra describir a mirada expectante do funcionario, que se viu sobrepasado pola axilidade mental e a rapidez que trasmitía a avoa.
- Será moito, señora -limitouse a dicir.
E nós rimos de camiño á casa, co carné novo en vigor ata o 01/01/9.999. Un día antes temos que nos acordar de volver aló para renovalo.



Este cadro que Van Gogh chamou Noite estralada é para min unha explosión de cor e de fantasía que me fai lembrar ó Principiño de Antoine Saint Exupéry.